NOTA DE PRENSA - Mal, moi mal empeza a súa andaina o Goberno municipal de Mondoñedo cando se ve na obriga de falsear o custe real que para os veciños deste concello terán os cargos políticos do bipartito. Lonxe da necesaria transparencia que debera esixirse a todo cargo público que vai a recibir un salario procedente dos petos dos seus veciños, os concelleiros do PSOE e do BNG xogan ao despiste e queren ocultar o gasto real que para as arcas municipais suporán as dúas dedicacións exclusivas que acaban de autoregalarse sen o apoio, claro está, do Partido Popular.

Cando nos pasados días varios dos edís do bipartito daban á prensa a cifra de 210.224 euros ocultaban con intención de enganarnos que esta cantidade tan só é a suma dos dous salarios que percibirán os portavoces do PSOE e do BNG. Pero as arcas municipais, ademais desta cantidade, verase na obriga de pagar a seguridade social destas dúas persoas. Esquecían, con total intención de despistar, algo tan sinxelo como explicarnos que a cifra global do custe dos membros do bipartito a soldo no Concello de Mondoñedo será, durante os vindeiros catro anos, próxima aos 300.000 euros, isto é case 50 millóns das antigas pesetas.

Aqueles que levan anos laiándose da mala situación económica do Concello e xustificando con isto a súa carencia absoluta de novos proxectos e a pouca e mala xestión realizada, non poden agora xustificar tan elevado custe para o pago dos salarios do bipartito. Menos aínda, se temos en conta que a esta cifra aínda cómpre engadir outras, como a resultante das dietas que percibirá o equipo de goberno e os pagos  e indemnizacións por desprazamentos. Lonxe quedan as intencións manifestadas na toma de posesión polo señor Alcalde que auguraba tempos difíciles y de petición de comprensión por parte dos veciños e veciñas ante futuros recortes e reaxustes, queda claro deste xeito que os axuste e recortes NON SE PRODUCEN NOS GASTOS DE PERSOAL POLITICO DO NOSO CONCELLO.

En definitiva, as primeiras decisións do bipartito mindoniense quedan lonxe, moi lonxe, da necesaria austeridade que se precisa nun contexto de grave crise. O prioritario para o Equipo de goberno municipal non é ampliar ou mellorar servizos nin poñer en marcha novos investimentos en beneficio dos seus veciños, senón asegurar que dous concelleiros -distintos do alcalde- poidan seguir recibindo un salario superior ao que percibirían na súa actividade laboral privada. Un exemplo clarísimo de como o interese particular duns poucos, prevalece por riba dos intereses xerais dos veciños de Mondoñedo

Elena Candia
Portavoz PP de Mondoñedo