Os días 15 e 16 de marzo celebrarase en Mondoñedo a concentración mototurística Ruta N-634 que este ano chega á súa vixésimo quinta edición. O primeiro encontro tivo lugar no ano 1988 e non se organizou nos anos 2004 e 2005. Na actualidade é a concentración decana de Galicia, a máis antiga de todas cantas se convocan na actualidade.
Coñécese como “A invernal de Galicia” por celebrarse nesta estación do ano e caracterízase, ao igual que outras citas moteiras como Pingüinos ou Motauros, pola dureza no tocante a condicións meteorolóxicas.
En edicións anteriores teñen participado motoristas de diversos puntos da Península, o máis lonxano chegou desde Murcia e incluso houbo participantes de Portugal e Francia.
O programa deste ano está cargado de actividades (tal e como se pode ver no arquivo adxunto) entre as que destaca a exhibición acrobática de Emilio Zamora, piloto de Ducati Stunt Team ou o cocerto de Mckuin, unha banda ferrolá que versiona temas do mítico grupo Queen. Tamén é de destacar a exhibición de trial que terá lugar na praza da Catedral o sábado entre as catro e as sete da tarde e que correrá a cargo do Motoclube Enduro de Mondoñedo. Outra das novidades desta edición da Ruta N-634 é a emisión en directo por internet vía streaming das actividades que se desenvolverán os días 15 e 16 de marzo. A través da páxina web do motoclube (www.motomondonedo.com) poderanse seguir en directo e deste todo o mundo (con acceso a internet) os actos que se celebrarán na praza do Concello, praza da Catedral e avenida de Bos Aires, incluso durante o desfile de antorchas, que terá lugar na noite do sábado, unha das motos participantes levará unha cámara que estará emitindo señal de video en directo. A dirección deste montaxe corre a cargo do mindoniense Fran Bouso e conta coa colaboración e apoio técnico da empresa de eventos Eventec e da de desenvolvemento tecnolóxico Iproxecta.
O motoclube Ruta N-634, que preside Germán Bouso, agarda superar a cifra de trescentos inscritos e a participación de máis de dúasmil motos, cifras que xa se teñen acadado en edicións anteriores.

Programa Concentración de Motos