Feira das CarmiñasUn grupo de comerciantes de Mondoñedo organiza a Feira das Carmiñas, cun amplo programa que se estenderá na Praza da Catedral dende ás 10:30 horas ata ben entrada a noite, coa celebración dunha Queimada.
Mondoñedo revive os seus mercados tradicionais.
A lembranza destas feiras ten unha finalidade reivindicativa ao permitir unha comparativa entre os concorridos mercados de antano e o importante número de negocios existentes daquela coa realidade actual do peche de establecementos.

NOTA DE PRENSA
Un grupo de comerciantes de Mondoñedo presentaron esta mañá na Praza da Catedral o programa da Feira das Carmiñas, que se celebrará este domingo, 24 de agosto, na localidade.
Esta iniciativa permitirá que o municipio recree os mercados de antano “que merecían a pena ver e aos que acudían os nosos avós mentres aproveitaban para percorrer os negocios, que tantos había: o comercio de Cabanas, a carnicería de Chaparrita, Don Gato, o Taller de Miñaxoa, o café Madrid…”.
Así o puxo de manifesto unha das responsables da organización desta xornada, Rosa Díaz, quen explicou o programa que se estenderá dende ás 10:30 horas ata ben entrada a noite, na Praza da Catedral, onde se albergarán postos de comerciantes de Mondoñedo e de produtos artesanais; ademais de revivir oficios tradicionais.
Programa
A Feira das Carmiñas arrincará o domingo ás 10:30 horas coa celebración de xogos populares para nenos; que poderán entreterse tal e como o facían os seus avós ata as 11:30 horas.
De 11:30 a 12:30 horas, a Escola de Música de Mondoñedo porá son neste enclave, e a partir das 12:30 horas actuarán dous magos infantís. Xa pola tarde, o grupo teatral Xoldra de Mondoñedo interpretará unha escena de mercados revoltos. A xornada rematará coa actuación ás 19:30 horas das Pandereiteiras de Lourenzá e baile rexional. Como en calquera encontro de antano que se prezara, non faltará a degustación da tradicional queimada.

Feira das Carmiñas


O Mondoñedo de antes e o de agora.
A Feira das Carmiñas débelle o seu nome a muller prototipo da aldea “cariñosa, entrañable e sempre voluntaria que baixaba cos súas irmáns ver os mercados de Mondoñedo, e que hoxe as invade a tristura ao ver todo pechado e ao pensar no futuro dos seus netos”.
A través dun conto, a organización do evento quixo manifestar a finalidade reivindicativa que ten esta xornada; ao permitir unha comparativa entre os concorridos mercados de antano e o importante número de negocios existentes daquela coa realidade actual protagonizada por un importante peche de establecementos.
“Seguro que todos temos unha avoa, unha nai, unha tía…á que lle gustaría volver a ver ao Mondoñedo de entón, por iso pedimos que asistades”.