Artesanía
A alcaldesa e o artesán Fernando Vilariño, chegaron a un acordo para asinar o convenio que marca un “paso adiante neste proxecto de posta en valor dos oficios tradicionais e de dinamización do barrio”.
A alcaldesa, quen explica que o taller ocupará o espazo anexo ao alfar, agradécelle ao artesán, casado e con tres nenas, a súa colaboración con todos os eventos culturais e lúdicos da localidade así como a súa implicación co proxecto de revitalización dos Muíños
O Goberno local tamén traballa na posta en marcha dunha Escola de Alfarería, que garantiría a apertura do alfar durante o horario necesario converténdoo, deste xeito, nun novo recurso turístico para a localidade.
A alcaldesa de Mondoñedo avanza no seu compromiso de revitalizar un proxecto posto en marcha polo PP, cun premio Agader, que beneficia ao barrio e á localidade e que os “socialistas e nacionalistas abandonaron durante o seu goberno”.

NOTA DE PRENSA
Mondoñedo, 10 de outubro de 2015.- A alcaldesa de Mondoñedo,  Elena Candia, anuncia a incorporación dun novo artesán ao Proxecto de Artesanía dos Muíños, que implica a posta en valor dos oficios tradicionais.  Abrirase un taller-museo de cantería, que ocupará o espazo anexo ao alfar, e nel levarase a cabo a actividade artesanal de forma interactiva, podendo os visitantes participar nas actividades, baixo o asesoramento do artesán e onde se establecerá unha tenda para a venda dos produtos. 
A alcaldesa e o artesán Fernando Vilariño Gosende chegaron a un acordo para asinar o convenio que regula a relación entre o particular e o Concello e que se converte “nun paso adiante na revitalización do Proxecto Artesanía Os Muíños, de recuperación destes oficios tradicionais e de posta en valor do barrio, ademais de tratarse dun novo reclamo turístico”.
Agradecemento
Candia mostrase moi contenta con este “avance” e agradece ao “coñecido artesán en Mondoñedo, casado e con tres nenas, tanto a súa colaboración desinteresada en todos os eventos culturais e lúdicos da cidade, como a súa boa disposición para implicarse na dinamización deste proxecto nos Muíños. Necesitamos xente comprometida coa localidade e co proxecto”. 
Avance no compromiso de revitalizar o proxecto
A popular lembra que o Goberno adquiriu o compromiso de revitalizar este proxecto para o que está a promover cambios e “corriximos todo aquilo que consideramos que non se estaba a facer ben. Agora estas modificacións no proxecto empezan a dar os primeiros pasos, coa incorporación deste novo artesán”.  A idea, engade a popular, é a de optimizar os espazos dos que dispón o Concello para revitalizar un proxecto, iniciado polo goberno popular, acadando incluso un premio Agader,  e que os “socialistas e nacionalistas abandonaron, situación derivada da súa falta de compromiso coa localidade”. “Estamos a avanzar no noso compromiso de revitalización do proxecto”, matiza.
Taller de alfarería
Nesta liña de compromiso tanto co proxecto coma co Barrio dos Muíños, o Goberno local tamén está a traballar na posta en marcha dunha Escola de Alfarería, unha iniciativa dos populares para cuxo desenvolvemento están a buscar financiamento das administracións. Segundo explica a alcaldesa, incluiría a celebración dun curso de seis meses durante as horas necesarias que permitise optar á carta de artesán e que se impartiría no alfar dos Muíños. Esta proposta “garantiría a apertura do alfar en horario necesario de tal xeito que o podamos considerar un recurso turístico”, matiza.

Convenio de colaboración
O convenio de colaboración que asinarán entre o Concello de Mondoñedo e o artesán regula a obriga das dúas partes. A administración local porá a disposición do artesán o local e deberao apoiar e asesorar, así como promocionar o seu taller. Mentres que o artesán xestionará e dirixirá o taller-museo e correrá cos gastos de mantemento, ademais de elaborar de xeito artesanal os produtos e promocionar e potenciar o oficio e o barrio dos Muíños. A duración do convenio é dun ano, prorrogable á finalización do mesmo.