Cal Pardo
O Concello de Mondoñedo lamenta o falecemento do sacerdote e historiador D. Enrique Cal Pardo, fillo adoptivo da localidade e trasládalle as condolencias á súa familia e amigos.
A alcaldesa, Elena Candia, quere trasladar en nome de toda a Corporación municipal as “máis sentidas condolencias” polo falecemento dunha persoa que se converteu na “voz da historia de Mondoñedo” ao que agradecen o seu “importante traballo cultural e literario e a súa encomiable achega sobre a nosa Catedral”.  

Ademais de sacerdote e investigador, cunha  intensa traxectoria intelectual, sacerdotal e persoal, “á que tanto lle debemos os mindonienses”, a rexedora tamén quixo subliñar o carácter amable e voluntarioso dunha persoa profundamente comprometida coa localidade, “cidade á que dedicou a súa vida, axudándonos a coñecer mellor a nosa terra” e do que hoxe “nos sentimos profundamente orgullosos”.

O seu perfil deixa de manifesto a súa vinculación con Mondoñedo, o que levou á Corporación local a aprobar o seu nomeamento como Fillo Adoptivo da localidade, en recoñecemento ao seu coñecemento da historia e a súa inmensa labor no arquivo Catedralicio.
Don Enrique Cal Pardo foi profesor de Teoloxía no Seminario Maior de Mondoñedo (Lugo) entre os anos 1946-1967. Profesor de Teoloxía no Instituto Teolóxico Compostelá (Santiago) entre os anos 1970 e 1992. Formador do Seminario de Mondoñedo (1946-1954). Reitor do Seminario de Mondoñedo (1956-1958). Canónigo Archiveiro da Catedral de Mondoñedo desde 1953. Deán da Catedral de Mondoñedo desde 1979. Pro-Canciller do bispado de Mondoñedo entre os anos 1958-1966. Director Diocesano do Apostolado da Oración (1958-1967).