O edil de Educación, Alberto García, explica que esta iniciativa busca promover o uso da lingua galega entre a mocidade e convidar ao alumnado mindoniense a mergullarse na figura do escritor.
O certame diríxese a estudantes de Primaria, Secundaria e Bacharelato, que terán ata o 27 de maio para presentar un texto en lingua galega no que transmitan a súa impresión sobre a figura do poeta chairego.
 
NOTA DE PRENSA
Mondoñedo, 16 de maio de 2016.- O Concello de Mondoñedo organiza un concurso de redacción en galego sobre Manuel María, escritor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2016 para afondar na figura do poeta chairego.
O edil Alberto García explica que dende as áreas de Educación e Cultura, que dirixe a alcaldesa, Elena Candia, convocan este concurso consistente na redacción dun texto en lingua galega, no que os seus autores transmitan “unha idea, opinión, sentimento... que lles gustaría compartir con outras persoas” sobre a figura de Manuel María.
Deste xeito, esta iniciativa do Concello de Mondoñedo, segundo analiza o concelleiro, ten por finalidade tanto promover o uso da lingua galega entre a mocidade como convidar ao alumnado dos centros educativos mindonienses a que se mergullen na figura do escritor nado en Outeiro de Rei. 
Bases
As bases do concurso establecen dúas categorías entre os participantes, unha delas para estudantes de Primaria e unha segunda para o alumnado de Secundaria e Bacharelato. Os traballos non deberán superar as cinco follas, a unha cara, e como mínimo deberán constar dunha páxina. O prazo de presentación dos textos rematará o venres 27 de maio e serán recollidos nos propios centros educativos por persoal organizador do concurso. 
En canto aos premios, en cada categoría haberá tres galardóns, que inclúe diploma e material escolar, así como un libro de autores actuais mindonienses.
Por último, o xurado estará composto por escritores mindonienses e profesores de centros educativos da localidade e será fallado durante o mes de xuño, antes de que finalicen as clases.