Campamentos de verán
A Concellería de Xuventude de Mondoñedo presenta os campamentos e talleres que se desenvolverán ao longo do verán.
Entre as actividades que organiza o Concello haberá xogos na piscina, un taller de teatro, un campamento musical e un deportivo, así como obradoiros de cociña ou actividades na natureza.
O programa ‘Aberto por Vacacións’ comeza a súa andadura o 27 de xuño co obxectivo con conciliar a vida laboral e a familiar durante os meses de verán.

NOTA DE PRENSA
A Concellería de Educación, Xuventude e Novas tecnoloxías, dirixida por Alberto García, da a coñecer as numerosas actividades que se desenvolverán durante este verán dentro do programa Aberto por Vacacións.
A programación inclúe talleres e campamentos de carácter gratuíto que desenvolverá o Concello de Mondoñedo durante este verán “co obxectivo de conciliar a vida laboral e familiar”.
Campamento ‘Mondo Peques’
Este campamento, de carácter urbano e dinámico, terá lugar dende o 27 de xuño ao 15 de xullo ( 3 semanas de duración) na Casa da Xuventude. O horario estipulado será de 10:00 horas a 14:00 horas con aperitivo de media mañá incluído.
Desenvolveranse as seguintes actividades lúdicas: obradoiros de cociña e boa alimentación, conciliación coa natureza, actividades deportivas, animación musical, xogos na piscina, xogos de rastreo e manualidades, entre outros.
Xa está aberto o prazo de inscrición que remata o luns 20 de xuño. As prazas son limitadas. A entrega das inscricións farase na ventanilla da Casa do Concello e será de balde e por orde de entrada.
Taller de títeres e monicreques
Paralelamente, na Casa Da Xuventude, dentro do programa Aberto por Vacacións, desenvolveranse varios talleres. O obradoiro de títeres comezará o mércores 29 de xuño e rematará o venres 5 de agosto.
Taller de teatro
Neste taller ensaiarase unha obra de teatro. Dará comezo o luns 27 de xuño. Inclúe taller de manualidades para a preparación dos decorados.
Campamento musical: VI Curso de Música interdisciplinar
A Escola de Música de Mondoñedo ofrece un taller infantil, de carácter gratuíto, no que poderán participar todos os nenos e nenas que o desexen dende 4 anos en diante. Terá lugar a semana do 11 ao 15 de xullo. Neste curso prepararase unha adaptación musical dunha ópera infantil, para o que se van traballar distintos aspectos musicais e de dramatización.
Traballarase o ritmo, a voz, a expresión corporal dende niveles básicos e de xeito lúdico, e ofrecerase a posibilidade de que alumnos de diferentes niveis poidan participar, incluso os máis pequenos con instrumental Orff, potenciando así o traballo en grupo e a coordinación.
Tamén haberá un apartado de caracterización, decorados e preparación das personaxes desta ópera baseada nun conto dos irmáns Grimm.
Celebrarase un concerto o venres 15 de xullo ás 20:30 horas para pechar o curso desfrutando co traballo e os conceptos aprendidos ao longo do taller.
Campamento deportivo
Tamén haberá un campamento deportivo do que se informará proximamente a través da delegación de Deportes do Concello.