FP
Mondoñedo dá os primeiros pasos para crear no vindeiro curso un novo ciclo de formación profesional dual sobre o sector forestal. A alcaldesa de Mondoñedo explica que o Goberno local “vai da man” da Asociación de Empresarios da Madeira e da Xunta de Galicia para a  ampliación da oferta de formación profesional sobre o sector forestal no municipio, adaptando as actividades ás necesidades do sector.
A rexedora local agradece a boa dispoñibilidade da Consellería que avala a iniciativa e considera esencial a implicación da Asociación por ser coñecedora directa das necesidades existentes neste eido
Candia defende que Mondoñedo é o lugar idóneo para a celebración desta formación, pola súa localización nunha zona eminentemente forestal, así como polo equipamento do centro de secundaria, “ao que queremos converter nun referente na FP forestal”.
NOTA DE PRENSA
Mondoñedo, 25 de novembro de 2016.- A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, e o presidente da Asociación de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo, Daniel Díaz Ramos, mantiveron unha reunión co director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, e co secretario Xeral Técnico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Oitaven Barcala, na que trataron sobre a necesidade de ampliar a oferta de formación profesional sobre o sector forestal. Así, dende Mondoñedo dan os primeiros pasos para crear no vindeiro curso un novo ciclo de formación profesional dual sobre o sector forestal
O obxectivo é ampliar a oferta de formación profesional adaptada ás necesidades reais e dotar así ao sector forestal dunha masa potencial de traballadores cualificados para os postos operativos da actividade de aproveitamentos forestais, especialmente aqueles operarios de maquinaria forestal pesada. Ademais, a mecanización ao que se atopa sometido o sector e o forte investimento en innovación e tecnoloxías, requiren de formación que sexa eminentemente práctica con maquinaria punteira e de última xeración.
A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, explica que na xuntanza “mantivemos as primeiras conversas de cara a ampliar a oferta e adaptala o máximo posible as necesidades reais do sector. Imos da man coa Asociación da madeira e coa Xunta de Galicia”. Así, a rexedora local agradece a boa dispoñibilidade da Consellería que avalan a iniciativa e ofrecen as súas instalacións e todo o apoio necesario para a execución desta formación. 
Candia tamén resalta a importancia de que esta proposta se estea a desenvolver en consenso co sector para adecuar o programa formativo o máximo posible ás necesidades das empresas, sendo esenciais as propostas da asociación da madeira, que colaborarían na impartición da formación e na prestación de maquinaria para a realización das prácticas. A rexedora agradece o dispoñibilidade e o compromiso da asociación e ponse á disposición para calquera axuda que se solicite ao Concello.
IES San Rosendo, referente na FP forestal
A rexedora defende que Mondoñedo é o lugar idóneo para a celebración desta formación, pola súa localización nunha zona eminentemente forestal, así como pola disposición e o equipamento do centro de secundaria IES San Rosendo, no que xa se imparten ciclos desta tipoloxía, como son o Ciclo Medio de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural e Ciclo Superior de Xestión Forestal e do Medio Natural. 
“Queremos potenciar o IES San Rosendo como un referente na formación profesional no sector forestal; estamos nunha zona qque ten moita proxección neste eido ao ser unha zona rica en forestal e o sector, ademais, demanda xente nova e cualificada, polo que pode ser unha saída boa laboral”, considera.
Liñas de formación
Na reunión definíronse varias liñas de formación sobre as que traballar. Mantivéronse as primeiras conversas para implantar FP dual no grao medio de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural; adaptando este programa ás necesidades sectoriais indicadas pola asociación. De igual xeito, tamén se tratou sobre a formación AFD para desempregados e sobre a formación para a obtención do certificado de profesionalidade en aproveitamento forestais para o ano 2017.
Asistentes á reunión
Ademais da alcaldesa de Mondoñedo, do secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e do presidente da Asociación de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo, na reunión tamén participaron, por parte do Concello, o edil de Educación, Xuventude e Novas Tecnoloxías, Alberto García e por parte da Xunta, o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira López e a subdirectora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez Fernández. Da Asociación de madeiristas tamén asistiron o vogal da Xunta Directiva, Daniel Villapol e a secretaria xeral, Nuria Rodríguez.