|
O Parlamento investigará a prórroga do PXOM de Mondoñedo |
|
12 / 06 / 2009
> Actualidade
|
 O Parlamento de Galicia investigará, a proposta do Grupo Popular, a regularidade da decisión adoptada polo actual Goberno municipal de Mondoñedo que prorrogou un contrato asinado en 1999 para a redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). O PP advirte que o Executivo que preside o nacionalista Orlando González pretende sufragar, con fondos procedentes dunha subvención autonómica, un contrato subscrito a favor dunha empresa privada polo Goberno do socialista Loira Rúa. Isto é, pretenden prorrogar un contrato asinado fai 10 anos cun custe superior aos 125.000 €, a través dun procedemento que podería terse iniciado co obxecto de sortear as obrigas que a lei de contratación outorga para garantir a publicidade, concorrencia competitiva e limpeza nos procesos de adxudicación levados adiante polas administracións públicas.
Os deputados Jose Manuel Balseiro Orol e Emma Álvarez Chao interesáronse por esta cuestión a instancia do Grupo Municipal Popular, que observaba con preocupación a manobra desenvolvida polos actuais xestores do Concello de Mondoñedo. De feito, calquera tipo de irregularidade faría inviable a axuda autonómica e, o que aínda é moito máis grave, provocaría innumerables prexuízos aos veciños deste concello que verían retrasada a redacción definitiva do PXOM. En definitiva, demoraría a entrada en vigor do que garante e favorece o desenvolvemento equilibrado e sostible do urbanismo de Mondoñedo.
|