O alcalde de Mondoñedo, Manuel Otero, e o deán da catedral de mindoniense, Pedro Díaz, acompañados dos membros da comisión de festas dos Remedios, presentaron esta mañá o cartel da tradicional festividade na honra da Virxe dos Remedios, que ten coma eixo central a ofrenda que presentan as cidades e vilas capitais de partido xudicial da Diocese de Mondoñedo-Ferrol.

A ofrenda, que se mantivo sen interrupción ao longo dos anos da pandemia, será presentada nesta ocasión polo alcalde do Concello de Mondoñedo, e recuperará, este ano si, a tradicional procesión coa imaxe da patroa, acompañada pola banda de música Pascual Veiga, e coa traca pirotécnica habitual.


No que respecta ao cartel festivo, un total de 5 orquestras actuarán no paseo central da Alameda, destacando ao “Grupo Beatriz”, a noite do sábado a partir das 24 horas, xusto a continuación do remate do concerto de “Treixadura” na praza da Catedral. A sesión vermú do domingo estará amenizada pola orquestra “Los Españoles”, con música para todas as idades, e pola noite volverán cun novo pase xunto a “La Favorita”. O luns dos Remedios, festivo local, será o día da misa de confrades e a ambientación musical neste día correrá a cargo da orquestra “Nueva Fuerza”. O programa complétase coa Agrupación Folclórica “Cantigas e Agarimos” de Santiago de Compostela, prevista para o domingo dos Remedios, o dúo Belinda, e os coros Mindoniense e Mestre Pacheco, a festa de clausura das piscinas municipais, así como unha ruta de sendeirismo. O martes 13 as atraccións infantís farán descontos nas fichas para os máis pequenos.

A Comisión organizadora está formada por Amparo Pernas, Marisa Ledo, Patricia Otero, Pili Díaz, Vicky Caselas, Iván López e Alberto García. Aproveitaron para agradecer a axuda económica de particulares e negocios locais para poder elaborar este programa.

We use cookies

Usamos cookies en nuestro sitio web. Algunas de ellas son esenciales para el funcionamiento del sitio, mientras que otras nos ayudan a mejorar el sitio web y también la experiencia del usuario (cookies de rastreo). Puedes decidir por ti mismo si quieres permitir el uso de las cookies. Ten en cuenta que si las rechazas, puede que no puedas usar todas las funcionalidades del sitio web.