Leiras PulpeiroNeste senso, por exemplo, dise de LEIRAS PULPEIRO que a súa poética anticlerical é o resultado de vivir en Mondoñedo. Indubidablemente, pero isto non quere dicir que sexa un poeta local, senón que ó criticar os males dos cregos mindonienses, critica os males da igrexa en xeral. A propósito, a súa poesía anticlerical, que tanta fumareda levantou, foi a responsable de que non se coñecera a outra parte da súa obra nin, por suposto, a Leiras na súa verdadeira dimensión como poeta. Houbo un primeiro estudo da súa obra feito por X. Luís Franco Grande pero tivo pouco eco na sociedade galega [9]; ata o estudo de Alonso Montero [10] e, sobre todo, os do medio-mindoniense R. Reimunde Noreña  [11] non se coñeceu a importancia do seu verso. 
Deixando á parte a súa lira anticlerical (aquí é bastante coñecida), Leiras Pulpeiro ten dúas vertentes salientables: a) ninguén lle discute o posto de gran mestre da fala polo seu dominio da lingua en todas as súas vertentes: léxica, fónica e morfosintáctica. De aí a gran forza da súa poesía e, b) foi ante todo o poeta das miserias humanas e as miserias humanas repítense ó longo dos séculos, por iso unha boa parte da súa poesía segue tendo vixencia hoxe. Temas como o abandono, a pobreza, as inxustizas e abusos sociais están na maior parte dos seus versos. É unha poesía fonda, chea de sentimentos, como a vida mesma. Sirvan como mostra os catro poemas seguintes, que imos ler.
Coa crise que hai hoxe, qué pobre non poría na súa porta este poema:

¿Que agardan os probes,
Que a fouce no-abranguen,
I a súa, ben feita,
Non fan d’unha vez!…
Se calan, nin coiro
Lles deixan os fartos;
Se piden xusticia,
No-os ouza ninguén…
¿Que agardan os probes,
Que a fouce no-abranguen,
I a súa, ben feita,
Non fan d’unha vez!…

E qué dicir das feridas, envexas e miserias cotiás que nos van podrecendo o día a día:

Enriba todo é negruras,
I embaixo todo é lacerias,
E traballos i-esquiveces
Que i-alma nos apodrentan.

ou dos desenganos da vida:

Vendo que, en donde coidaba
seguro atopar consolo,
desenganos atopaba…!
¡Probe do que a outros acode
Cobizoso de sosego
Que soio a morte dar pode!
ou o medo ante a vida:
Como na porta a madroa
Pol-o San Xuan non puxemos,
Teño n-o corpo metidos
Tamaño frío, e tal medo,
Que o escano deixar non poido,
Nin manxo, nin durmo ô dreito,
I en todo vexo curuxas,
Sacabeiras e morcegos…!

Igual que o reproduce na súa estatua o escultor J. Puchades, así é a súa poesía: rexa, forte, eufónica, vai á vida de fronte. Leiras poetiza o día a día, a vida cotiá, e a vida está chea de amor, sufrimento, ledicias, frustracións, amarguras, trunfos, soidades… Todo isto atópase nos seus versos, ó que hai que engadir os xenes literarios que tiña e o dominio da lingua. Ata que se lle dedicou o día das Letras Galegas era o gran descoñecido na cultura galega.

Noriega VarelaPido permiso para que me deixedes dicirvos que a vida foi excesivamente cruel con NORIEGA VARELA: o seu nacemento, os estudios no seminario (que o marcaron para sempre); a morte da nai (que era o único sustento afectivo que tiña), a morte dos fillos, a súa peregrinaxe: Foz, Ourense, Chavín… e sobre todo, porque naceu, viviu e morreu como poeta, tivo unha vida dura, difícil, tristenta. Eses dous versos que Rosalía lle dedica a Curros parece que foron escritos para el: ¡Ai dos que levan na frente unha estrela / hai dos que levan no bico un cantar!..”. ¡Pobre deles! ¡O que lles espera! ¡Cánto sufrimento!
Todos os que se achegaron á súa poesía están de acordo en dúas cousas: a) que tiña unhas calidades innatas para poeta e, b) que non desmerece estar xunto a figuras tan representativas das nosas letras como Rosalía, Curros ou R. Cabanillas.[12] Un home que escrebe uns versos tan sinxelos pero ó mesmo tempo que che transmiten tantas mensaxes e sentimentos como o que titula EN VELA:

Aquela fonte, aquel Cristo,
y-aquel mouro piñeiral,
en vela xunt’o mosteiro,
que s’esborrallou, están.
A fonte reza baixiño,
n-o Santo Cristo luz hay,
e a zunida d’os piñeiros
lembra os queixumes d’o mar;

onde se sente a soidade, o paso do tempo, as penurias do mar, pero tamén a vida na “luz, na fonte, no vento e no mar”, un home —dicía— que escrebe con tanta fondura merece que o seu nome figure ó pé dos grandes da nosa Terra.
A Noriega Varela tamén se lle encadrou como poeta da montaña, cantor do ermo, poeta franciscano…, como se a súa poesía tocara un único tema. Estudos como os de Freixeiro Mato [13] e a mindoniense Isabel Morán Cabanas [14] veñen a agrandar e a demostrar que foi moito máis que un poeta lírico e costumista. Moitos dos seus versos encerran varias mensaxes, incluso algúns de tipo lírico, como INVERNO, din algo máis:

TODO está cego:
brétema espesa
cobr’os pinares
y-envolve a igrexa.
[…]
¡Pobre d’o pobre
que hoxe non teña
catro cepiños
xunt’a lareira!

(TODO con maiúsculas —“todo é negruras” (Leiras)—. Non só o inverno é unha época mala para os labregos, senón que TODO, na vida está chea de atrancos e penurias. ¡Pobre do que non teña algo…!)
E as poucas incursións que tivo no terreo social son temibles. No poema DO TEMPO DOS CACIQUES, podía moi ben valer para lerllo hoxe a un xefe abusón, que os hai:

confeso, perdonavidas,
que quero verche as entrañas
entre os corvos repartidas.

E á xuventude actual, que está traballando sen contratos e a eito, deixoulles escrito:

¡máis coraxe e menos calma!
non seas corpo sin alma,
sen  home de corazón.
…………………………..
si o infortunio te dobrega,
é porque fas como’o can,
que aloumiña a quen lle pega.
Ten sempre un xardolo a mau,
pra abatir a quen che sobra,
e non remedes a cobra,
¡non te arrastres polo chau!
Rebélate, sin rebozo,
que, solo porque tu ques,
che esfola o xugo o pescozo,
e levas grillós nos pés.

Sirva isto que limos como unha homenaxe deste seu pobo e como unha pequena mostra da outra poesía de Noriega, ¡poeta!, onde os haxa.